miércoles, 2 de junio de 2010

Cando falamos...


Sempre me resultou interesante esa idea de falar galego, pero sen facelo dende pequeno, como me pasou a min. Acostumada a escoitalo das miñas tías ou mesmo da miña avóa pero non sempre, senón nas típicas expresións made un Ghalisia, tales como: "e ti de quen ves sendo?", "ti estás parvo", "a rañala"...e moitísimas máis...

O carallo é que chegas a unha idade na que pensas que ten razón esa xente que dí que o galego está en desuso, que non está valorada. É como un momento no que te paras, encéndese a luceciña e dende ese momento plantéxaste que é verdade, hai que falar galego, aínda que aos castelán falantes nos conte máis que a aqueles que están acostumados a facelo dende pequenos, pero hai que intentalo.

E cando o falas que ben te sintes!Pero claro, despois de tanto historia por falar galego, as campañas desa cadea de supermercado que dicía e dí :"Falemos galego!!", agora que hai unha nova televisión galega...NON FALAN EN GALEGO...!!!
Será por iso de chegar a toda España...pero aos de ETB ou aos de TV3 non lles importa falar en catalán ou en vasco, ¿non?

Si, xa sei que esas son canles autonómicas e esta nova televisión galega xurde coma unha canle ao marxe da autonómica...pero que carallo!!!É unha televisión galega, con xente galega!!!E tanto bombo por iso dunha nova televisión galega e que ten de galego!!??!?!

A cuestión é que me ven á cabeza a frase máis grande que, na miña opinión, formulou Castelao:

"Os cataláns, galegos e vascos serían anti españois se quixeran impoñer o seu modo de falar á xente de Castilla*; pero son patriotas cando aman á súa lingua e non se aveñen a cambiala por outra. Nos comprendemos que a un galego, a un vasco ou a un catalán que non queiran ser españois se lles chame separatistas; pero eu pregúntome como se lle debe chamar a un galego que non quere ser galego, a un vasco que non quere ser vasco, a un catalán que non quere ser catalán. Estou seguro de que en Castilla, a estes compatriotas se lles chama "bos españois", "modelo de patriotas", cando, en realidade, son traidores a sí mesmos e á terra que lles deu o ser. ¡Estes sí que son separatistas!".

O que máis me fastidia persoalmente, é que toda esa xente (que coñezo moita, por desgracia...) que non fala galego, que non quere que os seus fillos falen galego, nin estudien en galego, que pensan que o inglés e moita máis lingua que o galego...son os primeiros que se poñen a cantar a Rianxeira arredor da fogueira de San Xoán co licor café na man...¿ironía ou hipocresía?


*E poño Castilla e non Castela, porque supostamente os nomes propios non se traducen ao galego.

1 comentario:

  1. O problema do galego é o de sempre, a falta de aprecio e de respecto... pasaba en dictaduras hai décadas, pasa hoxe en democracia, sometido ós vaivenes da lexislación... entristéceme moito vivir nunha sociedade que considera a lingua como un problema (e tamén me refiro ó castelán) e non como a única arma real que temos, o único que nos queda para sermos humanos, porque cada vez avanzamos máis cara o cavernícola dos dibuxos...

    Non só o problema é desa xente hipócrita que dis... ese caso que comentas está moi ben tamén porque eu creo que xusto o galego (e as costumbres galegas) está en proceso de convertirse nalgo exótico, nunha moda, un vaivén que lle fai formar á xente "parte de" algo que "mola". É tan bonito, guai e gratificante defender o galego como defender calquer outra causa perdida (aínda que non sexa nunca unha causa perdida); e moitos dos que presumen de defendelo nin sequera saben moi ben por que o fan. Non se acaba de ver a dimensión do problema. O aprecio pola cultura nunca pode estar suxeito a modernidades, nin a ideoloxías políticas, nin á afirmación dos individuos cando non saben moi ben como "encaixar", ou é ou non é. A importancia da lingua e da comunicación no mundo é vital, vital. Hai moitos rapaces novos que van polo Tarasca ou o Avante, falan en normativo cos colegas e logo avergónzanse do acento da abuela cando a acompañan a mira-las recetas, ou mesmo che veñen ensinar a ti, que castrapeas, a falar realmente ben no idioma que levas empregando vintepico de anos. Hai grupos que presuntamente fan folk e demostran un descoñecemento absoluto e unha falta de esforzo lamentable por entender as raíces da música galega, e sen embargo levan por aí o estandarte da gaita e a pandeireta e entran nun mundo considerado "a hostia de cool, meu".

    Tamén se ve o galego desde o punto de vista dun enfrontamento inevitable co castelán, que é algo que eu non soporto, non tolero, paréceme darlle a razón ós Galicia Pilinguis dos cojones. Que riqueza temos de ser bilingües, é un regalo! o que hai é que asegurar esa riqueza, é máis, temos a obriga de transmitirlles ós pícaros esa riqueza, e que podan ser competentes nas dúas linguas. Claro está que o galego necesita un pulo. É unha lingua minorizada. Pero que non me obriguen a elixir, nin uns, nin outros.

    A sociedade é "light" en xeral. Predominan as cousas que dan satisfacción no momento e sen preocuparse do fondo de nada, hedonismo, sentimentos de vintecinco minutos, e logo, ¿como non vai ser o galeguismo "light"?

    Non parrafeo máis... sigue escribindo Nuri, que o blog está de puta madre.

    ResponderEliminar